Los refugios de piedra

12 Marzo 2011

Quinta entrega de la saga (a última ata o momento) onde Jean M. Auel continúa coas aventuras de Ayla e Jondalar que por fin chegan a terra onde habita a tribu de Jondalar, os Zelandonii. O libro narra como Ayla, a pesar do impacto inicial que supón para os lugareños (sobre todo polo dominio que exerce sobre os cabalos e o lobo), se vai acomodando no seu novo fogar. Tamén se narra a celebración da Asamblea Estival, na que Ayla e Jondalar por fin se unen para formar unha familia e na que quedan patentes as aptitudes de Ayla para formar parte da Zelandonia (as que sirven a la madre). Continuamente se menciona o Clan ou “Cabezas chatas”, pero non se chega a narrar ningún suceso sobre eles. Claramente a autora resérvase o último libro para centrarse no encontro entre o Clan e os “Outros” e onde probablemente Ayla atope ao sen fillo de espíritus mesturados.


El curioso incidente del perro a medianoche

11 Febreiro 2011

Curioso libro de Mark Haddon. A verdade é que ao ser un regalo non tiña moita idea de que ía tratar, tan so me chamaba a atención algúns dos debuxos “frikis” que aparecían polo medio. O libro ten como protagonista un rapaz de 15 anos autista (con síndrome de Asperger concretamente) chamado Christopher que ademáis é quen conta a historia. Por ese motivo todo o libro ten unha perspectiva en parte infantil, en parte dramática, en parte seria e o resultado, ainda que raro, non disgusta de todo. A trama xira en torno ao asasinato do can dun dos veciños de Christopher, posto que a pesar da prohibición do seu pai (con quen vive so) para evitar que se meta en líos, decide aventurarse a investigar o caso con sorprendentes descubrimentos. Polo medio Christopher introduce unha e outra vez pensamentos paralelos, case todos ilustrados, relacionados con problemas matemáticos, de lóxica, puzzles, dúbidas metafísicas ou transcendentais… Así descubre o lector que, a pesar da súa enfermidade, trátase dun rapaz moi intelixente.


Las llanuras del tránsito

26 Novembro 2010

Novamente a historia continúa onde quedara no anterior libro. Parece que Jean M. Auel quere que os libros da súa saga teñan unha continuación cronolóxica sen saltos. Despois de que Ayla e Jondalar permanecesen unha temporada coa tribu dos Mamutoi, emprenden a súa viaxe cara á lonxana Novena Caverna dos Zelandonii. Con este obxectivo, a novela narra as aventuras de Ayla e Jondalar (máis namorados que nunca), Whinney, Corredor (os cabalos) e Lobo durante a súa longa viaxe cara o fogar de Jondalar. Novamente longas e detalladas descricións das paisaxes e costumes dos distintos pobos que se van atopando polo camiño (algúns coñecidos da viaxe de ida de Jondalar), pero cunha historia de fondo que engancha. O libro segue na liña dos anteriores e non decepciona.


Los cazadores de mamuts

20 Xuño 2010

O terceiro libro da saga comeza exactamente onde quedou o anterior. Nesta ocasión Ayla descubre por fin a “civilización” a través do pobo dos Mamutoi (cazadores de Mamuts). A pesar de que Ayla se presenta no pobo con Jondalar non tarda en destacar, tanto pola súa apariencia e pronunciación, como polas habilidades que foi adquirindo na súa curta e intensa vida (como a de poder comunicarse con algúns animais). Pero os Mamutoi son un pobo aberto que acaba por aceptar aos forasteiros como invitados e incluso nomean a Ayla coma membro da tribu. A historia está centrada na vida e costumes deste pobo de cazadores e narra como Ayla se vai adaptando ao entorno e acaba por integrarse. Pero a Jondalar saelle un competidor, Ranec, un fornido e habilidoso negro (o único da tribu) que queda prendido de Ayla e trata de conquistala cos seus encantos. O triángulo amoroso é unha constante durante toda a trama (incluso facéndose un pouco pesado) pero ao final de todo acaba por resolverse da forma máis lóxica.


Prince of Persia: Las arenas del tiempo

13 Xuño 2010

Esta foi a primiera película que fun ver ao cine con asentos vibratorios. A experiencia foi curiosa, pero a vibración parecía ir máis coa banda sonora que coas escenas. Así e todo penso que potencia certas escenas e nunha película de acción coma esta, a verdade é que se agradece. A película sorprendeume gratamente, pensaba que ía ver a típica película de acción basada en videoxogo con argumento chorras, pero realmente deu a talla. A trama está ben desenvolta, mesturando escenas de acción, románticas, cómicas… todo na súa xusta medida. Os movementos do protagonista (Jake Gyllenhaal) están realmente logrados recordando ao videoxogo en moitos momentos (por exemplo no de camiñar polas paredes) e incluso tamén ao Assassins Creed (por exemplo o famoso salto de fe). E a protagonista (Gemma Arterton) a verdade é que me pareceu guapísima, non a recordaba de outras películas, pero nesta a verdade é que sae estupenda. En fin, que se che gusta a acción, é un título que non te deberías perder.


Número 9

13 Xuño 2010

Curiosa película producida por Tim Burton e Timur Bekmambetov. Trátase dunha peli de animación, cuns personaxes enanos medio de trapo, medio robóticos que teñen o inconfundible selo de Burton. A historia comeza despois de que as máquinas se apoderaran da terra e que esta quedara practicamente aniquilada e sen existencia humana. Pero o impulsor das máquinas que se sublevaron (contra a súa vontade) conseguiu crear unha serie numerada de trapo-robots antes de morrer coa intención de que puideran de algunha forma salvar o mundo. En concreto cando revive o número 9 comeza a búsqueda de respostas e atopa algúns compañeiros que lle axudan a conseguir resolver o misterio que xira en torno as máquinas asesinas que aínda sobreviven. Os escenarios e personaxes son do máis pintoresco, e a película é entretida, aínda que quizáis o argumento non está todo o elaborado que debera.


LOST

9 Xuño 2010

Que podo dicir desta grande serie que supuxo un verdadeiro fenómeno a nivel mundial. Comecei a vela desde o principio (hai 6 anos xa!), e unha vez enganchado xa non puiden evitar, como outros moitos, descargar os episodios recén saídos de USA e agardar impacientemente os subtítulos en español para disfrutar dunha nova entrega en versión orixinal. E ao terminar, por suposto, a consultar os foros de lostzilla.net onde había teorías do máis disparatadas para tratar de dar explicación aos novos misterios que ían aparecendo.  Creo que unha das claves do éxito da serie foi ese formato “historia” que se alonxaba dos clásicos episodios autocontidos que tiñan prácticamente todas as series. Evidentemente para os guionistas supuxo un reto, pero J.J. Abrams despois da súa experiencia con Alias, soubo como enfocar moi ben a serie e manter ao público enganchado como nunca antes estivera. A verdade é que o casting tamén foi moi acertado e as entrañables personaxes deron a talla durante todas as tempadas. É certo que as primeiras foron as mellores, as que máis impacto causaron, pero creo que souberon como evolucionar para que non perdera esa esencia que tan ben caracterizaba  a serie.  Recordo que inicialmente se falaba de que os productores comentaran que todo o que pasaba na illa tiña unha explicación racional, pero creo que co paso do tempo, iso foi algo ao que tiveron que renunciar para poder sacar adiante novas tempadas. O concepto de flashback foi realmente innovador e revelador. Todos disfrutamos averiguando cousas do pasado das personaxes, sobre todo porque daban pistas do que podía estar acontecendo na illa. Recordo ver nos comentarios dos DVDs a explicación da idea inicial sobre a que se concebiu a serie que era a de considerar a illa coma unha personaxe máis. Creo que iso foi tamén unha clave importante para que a serie triunfase.

E agora Lost chegou ao seu fin e creo que foi un acerto non prolongalo máis para que non se degradara a calidade. Probablemente a xente seguiría vendo 2 ou 3 tempadas máis, pero creo que foi boa idea terminar antes de que a serie decaera para gardar un grato recordo dela. Quizáis ao final non se deron todas as expliacións que se esperaban, pero foi un final aberto, como foi sempre a serie, que invita á reflexión e a esperanza de que algún día volvamos ver as personaxes en acción (nunha película?). O tempo dirá, pero polo pronto o DVD da última tempada incluirá material inédito con algunhas explicacións máis que esperaremos ansiosos…


El valle de los caballos

6 Maio 2010

Segunda entrega da saga. A historia continúa onde quedou a primeira e conta a aventura de Ayla na procura dos seus semellantes. Na súa viaxe cara o Norte vai aprendendo a valerse por si mesma, superando numerosos obstáculos e dificultades ata que atopa un valle cunha cova no que decide asentarse. As circunstancias levan a Ayla a adoptar unha cría de cabalo que lle fai compaña e que finalmente acaba por domesticar, pero sorprendentemente non é o único animal do que se fai amigo. Paralelamente á historia de Ayla nárrase a historia de Jolandar e o seu irmán Thonolan da tribu Zelandonii que tamén emprenden unha viaxe na procura de novas experiencias. O destino fai que ao final se xunten os camiños de Ayla e Jolandar que é o primeiro home que ela ve e xurde un intenso vínculo entre eles. O libro non é tan absorvente coma o primeiro, hai moitos capítulos que costa ler, posto que so se describen actividades típicas da época sen que chegue a ocorrer realmente nada. Ten un ritmo moi parado e tan so cara ao final empeza a haber un pouco de miga, aínda que manchada con acontecementos demasiado irreais e forzados que converten a Ayla en pouco menos ca un xenio. En conclusión, o libro ainda que entretido, non chega a enganchar coma o primeiro. Veremos que pasa co terceiro.


Celda 211

2 Maio 2010

Despois da sona que obtivo esta película de Daniel Monzón tiña ganas de vela sen saber moi ben que me ía a atopar. Trátase dunha temática pouco común no cine español e quizáis peca un pouco de ter escenas demasiado “americanas”, pero o resultado final é positivo. A historia está ben contada e o transcurso da trama ten bo ritmo. E a pesar de que choca un pouco ver a algúns actores coñecidos facendo papeis diferentes (por exemplo Resines) hai outros que están moi ben caractizados como Luis Tosar. Sen embargo é unha película que non chega moi adentro, que non acaba de emocionar o que debera a pesar da forza que supostamente ten a temática. Por iso da a sensación de estar un pouco influenciada polo cine comercial alonxándose un pouco dos cánones do cine español. Aínda que imaxino que así se vende mellor e se desa forma se consigue que o cine español chegue a máis xente, pois benvida a fórmula. Está claro que ten que haber cine español para todos os gustos.


Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.