Splinter Cell: Chaos Theory

11 Agosto 2009

Chaos Theory

Pois é a primeira vez que xogo a un xogo desta saga é a verdade é que unha vez te acostumbras ao ritmo pausado do xogo, xa quedas enganchado. Recoñezo que vindo dos shoot’em up, o meu primeiro impulso era matar a todo o que se movía, pero neste xogo non se trata diso, de feito hai veces nas que se matas a alguén fracasas a misión.

En modo individual a historia está moi ben contada e as misións son moi coherentes. Trátase de infiltrate en diversos escenarios (un barco, un búnker, un banco…) para obter información, interrogar personas ou matar terroristas, todo cun sixilo extremo, para evitar ser detectado, posto que existen tamén cámaras e alarmas que incrementan a protección dos inimigos cando se disparan. Para conseguir ser sixiloso vas equipado cunhas gafas que proporcionan visión nocturna (imprescindible), térmica e “electrónica”. Ademáis vas equipado cun fusil de asalto con varios complementos (mira telescópica, dardos eléctricos….) e unha pistola con silenciador (imprescindible para romper todas as bombillas que atopes) que tamén permite bloquear cámaras de seguridade.

splinter_chaos_indiv

En modo cooperativo puiden xogar con un amigo via Skype e a verdade é que é moi divertido, sobre todo porque hai determinados movementos imprescindibles para avanzar nos que tes que realizar unha acción cooperativo co compañeiro. É  unha pena que neste modo as fases sexan soltas (aínda que seguen mais ou menos unha historia secuencial) e que non se poda gardar no medio dunha fase para continuar o día seguinte.

splinter_chaos_coop

Tamén existe un modo de xogo en rede tipo death match que apenas probei porque cambia un pouco a filosofía do xogo e os movementos.

A única pega importante que lle atopei ao xogo é que a dificultade máis alta é desproporcionada non permitindo apenas acercarte aos inimigos sen que se dean conta e moito menos usar armas. Así o xogo é un pouco raiante. Polo demáis, debo dicir que moi ben, a pesar de non ser un título de última fornada cumpliu e desde logo penso seguir coa saga en canto poda.


Crysis Warhead

19 Marzo 2009

crysis_warheadPois fíxoseme moi corto. Pero a perfección da anterior entrega mantívose intacta, de modo que non hai queixa. A verdade é que Crysis pasará á historia por ser o primeiro videoxogo en contar con escenarios realistas. E por realistas refírome a escenarios sensibles, que se destrozan de verdade cando chocas cun vehículo ou explota unha granada. É unha das mellores cousas do xogo, confiar en que detrás dunha parede estás a salvo e observar como a parede se vai desfacendo cando te disparan. Menos mal que contamos coa invisibilidade do nanotraxe. O apartado gráfico segue espectacular e a xogabilidade tamén. A principal diferencia desta segunda entrega é que xa non xogamos con Nomad, senon con Phycho, pero a intensidade do xogo non varía. Quizáis a única pega que lle atopei é que a historia é un pouco difícil de seguir. Tes obxectivos moi ben marcados no mapa e valos seguindo sen problema, pero a trama global non acaba de quedar clara.

crysis_warhead2

O armamento do que dispoñemos é prácticamente o mesmo que na primeira parte e os vehículos tamén, de modo que esta segunda parte parece máis unha extensión que un novo xogo. Os inimigos pois novamente os coreanos e os bichos-alieníxenas-con-tentáculos con mega-monstro ao final. A Intelixencia Artificial é correcta.

crysis_warhead31

En conclusión: se che gustou o Crysis, esta nova entrega é imprescindible para seguir disfrutando de toda a esencia deste pedazo de videoxogo.


Need For Speed Undercover

11 Febreiro 2009

nfs_undercoverBravo pola xente de EA! Conseguiron recuperar o espíritu que me enganchou ao Need For Speed. E é que despois de xogar ao Need For Speed Most Wanted, todo sabía a pouco. Se algo funciona, para qué cambialo? Pois esa debeu ser a filosofía deste título que recorda moito ao Most Wanted, na xogabilidade, nas fuxidas da policía, no incremento progresivo de dificultade… Ademáis a trama está moi ben adornada con videos de alta calidade con actores (e actrices) de carne e oso que lle dan moito realismo (aínda que o final da historia é un pouco previsible). Outra cousa que me gustou moito foi o feito de que che manden como “misións” nas que tes que levar coches dun lugar a outro, ou escapar da policía. Isto da a posibilidade de probar coches sen necesidade de gañalos. Hay algúns novos modos de xogo como o de “Batalla en la autopista” ou “Derramaje”, pero a verdade non son gran cousa, quizáis sobraban. O que si me convenceu foi a modalidade que introduciron en certas partes nas que tes que destrozar os coches dos rivais. Realmente bestial. No aspecto negativo hai que comentar que o nivel de dificultade  non é demasiado elevado (cheguei ata o nivel 16), creo que unha vez máis por influencia das consolas e ademáis hai moitas partes nas que te deixan “libre” sen saber moi ben que tes que facer para continuar coa historia. Ao final daste conta de que simplemente hai que seguir gañando probas, aínda que podes escoller cales, de modo que acabas evitando as que teñen máis risco (enfrontamentos coa policía que poden provocar multas). Quizáis aí deberan obrigar a superar unha proba de cada tipo ou algo así.

nfs_undercover_1

Bueno, con todo é un título recomendadísimo se che gusta sentir a velocidade no teu PC.


Tomb Raider UnderWorld

6 Xaneiro 2009

Tomb Raider Underworld

Larita non decepciona. E é que nesta nova entrega recupérase un pouco o espíritu orixinal da saga. Non hai excesiva diferencia coas entregas inmediatamente anteriores, pero si se aprecia unha Lara máis perfeccionada que nunca e con algúns movementos novos como o de escalar por unha parede ou camiñar en equilibrio. De feito agora aparte de mollarse, tamén se mancha e se limpa con auga.

Tomb Raider Underworld
A historia, que continúa desde o punto no que quedara na entrega anterior, engancha desde o primeiro momento, ainda que perde un pouco de forza no transcurso da aventura. Aínda así a ambientación está moi lograda e é unha auténtica delicia pararse a contemplar os escenarios. Pero non é ouro todo o que reluce, no aspecto negativo comentar que tan so aparece un vehículo e que o nivel de dificultade medio non é para nada difícil (aínda que iso fai que avances máis e que enganche máis).

Nótase a orientación consolera do xogo, pero ten unha grande xogabilidade. As armas alternativas utilízanse moi pouco, prácticamente é un mero adorno fronte a títulos anteriores nos que era imprescindible chegar a certos sitios cun bo cargamento de munición.

Tomb Raider Underworld
En conclusión, un título imprescindible para os fans de Lara, pero que quizáis inclina máis a balanza en favor da espectacularidade gráfica que do propio xogo en si, algo moi común nos xogos de última xeración.


Wall-e: o videoxogo

3 Decembro 2008

Videoxogo Wall-eA verdade é que despois de ver a peli, facíame ilusión o xogo, pero despois de instalalo e probalo decepcionoume un pouco. Está claro que está pensado para nenos, e non está mal, que conste. É o típico xogo de plataformas 3D con pequenos puzzles que resolver. Está moi ben que aparte de xogar con Wall-E tamén podas xogar con Eva voando, pero é un pouco dificil manexala. O que máis me gustou do xogo é que a historia sigue bastante ben a trama da película, con moitos videos intercalados, de modo que se fai bastante ameno. Ah, e ten sorpresa final despois dos créditos ;)

wall-e_videoxogo21


Bioshock

3 Maio 2008

BioshockBueno, pois como xa o acabei, toca comentar… A ambientación do xogo é perfecta. Envólvenos nunha atmósfera dos anos 50-60 moi lograda e moi ben acompañada musicalmente. A historia é bastante orixinal: temos un accidente de avión e caemos no océano, curiosamente perto dunha especie de faro no medio da nada que sirve de entrada a un mundo submarino creado nos anos 50 totalmente autónomo chamado Rapture. Pero dese mundo nada máis que nos podemos imaxinar o esplendor que tivo nos seus inicios, xa que está totalmente inmerso nun caos provocado polo descontrol duns experimentos de melloras xenéticas que se estaban a levar a cabo. E os habitantes-mutantes non podían ser outros que unha especie de zombies xenéticamente modificados que non dubidan en atacarte en canto te ven. Enseguida descubrimos a fonte dos seus poderes: o ADAM, unha especie de medicamento vía intravenosa que altera os nosos xenes para darnos poderes inimaxinables. Non dubidamos en aplicalo en nós mesmos cuns resultados espectaculares. A medida que avanza o xogo imos atopando diversos medicamentos xenéticos (plásmidos), que nos dan poderes de todo: telequinesis, poder lanzar lume ou electricidade, facer que os nosos enemigos nos protexan… En fin, algo imprescindible para avanzar no xogo.

Plásmido

Tamén iremos collendo armas cada vez máis potentes, como soe ser típico neste tipo de xogos. Hai que ter coidado cuns sensores que se te detectan disparan unha alarma que envía unha especie de cacharros voadores con ametralladoras que te persiguen (do estilo dos de Half Life 2). E tamén hai ametralladoras fixas con sensores que te disparan nada máis detectar a túa presenza. O bo é que se poden hackear resolvendo un pequeno puzle, o cal permite que os aparatos se poñan do noso lado e ataquen ós nosos enemigos. Gustoume que desde o principio estás en contacto por radio cun dos poucos superviventes que che vai contando a historia e guiando polos diferentes escenarios, de modo que non hai excusa para perderse.

Mención especial merecen as Little Sisters, unhas nenas nas que o ADAM tivo uns efectos moi extraños que van protexidas polos seus gardaespaldas con aspecto de buzo de 2 metros: os Big Daddies. A fórmula nena fráxil-gardaespaldas mangallón gustoume moito. De feito tes que matar o gardaespaldas (tarefa nada sinxela) para poder salvar ou cosechar á nena. A cambio gañas EVE co cal podes conseguir melloras xenéticas máis avanzadas. Existen varias máquinas expededoras para poder cambiar o EVE por esas melloras ou cartos por vida, ADAM, munición,… Quizáis hai demasiados elementos entre os plásmidos, armas, pocións, bonus e o xogador pode chegar a perderse. De feito chega un punto en que xa non sabes nin que utilizar en cada momento. Hai unha cousa que mola moito que é botar unha poción sobre o Big Daddy para que nos protexa como se fosemos unha nena. Hai que ver que caña lle mete ós enemigos…

Bioshock

En fin, como conclusión se pode dicir que é un xogo moi entretido, mistura de shot’em’up, aventura e algo de estratexia, coa que están aseguradas horas de diversión. Iso si, existen dous finais en función de como decidas tratar as nenas que colleites.